Tiña razón o dito. Calquera regacho do país dos dez mil ríos fervía coas troitas. Con elas non acababan furtivos que abastecían restaurantes, nin as mil malas artes, nin pescadores que pillaban troitas, nin ‘ecoloxistas’ que collían menos. Pero volvías cunha ducia delas. Unha de tres quilos escapara co trallo enteiro! E recordas o susto do compañeiro envolto nunha eclosión volcánica de efémeras que facía tolear de vida e troitas os serenos do Navia. Cando o Navia era o río Navia.
Mexa unha vaca... Agora o animal totémico de Galicia produce leite que as industrias non pagan. Pechan as granxas e o rural é couto de corzos e xabarís. Abandonados á súa sorte moitos ríos son cloacas a ceo aberto. E a fauna fluvial vai desaparecendo.
Vense poucos pescadores. Para que baixar ó río? Ir de pesca é chorar. A salmo trutta fario, prodixio da evolución, podía sobrevivir en condicións extremas aguantando enchentes e secas. O que non soporta é a estupidez do virus humano no planeta enfermo. A contaminación acumúlase nos cauces. Herbicidas, funguicidas, insecticidas e pesticidas acaban na auga. E matan. A toxicidade pasa a unha fauna incapaz de depurala. O exceso de fertilizantes converte os ríos en pradarías. O uso criminal da lixivia, a falta de depuración de augas fecais, as minicentrais para beneficio de compañías depredadoras, os xurros, a explosión demográfica de corvos mariños que nunca viron o mar, todo fai que a vida se vaia apagando nos cauces.
Organismos oficiais andan
encerellados nun galimatías
de tallas mínimas, número de
capturas, días hábiles e
inhábiles, cando o que se
demanda con urxencia é a
protección integral dos
ríos, patrimonio biolóxico
que pertence a todos. Cunha
política así, cantos
conselleiros máis de Medio
Ambiente necesitaremos para
acabar co pouco que queda?
Ningunha rexión de Europa
ten unha rede de ríos como
Galicia. Ó bordo do colapso,
mostran a inutilidade das
medidas adoptadas.
Hai vinte anos cunha cana marca ‘can palleiro’ pillabas dez troitas cunhas miñocas. Son as mesmas que se collen agora nun concurso de pesca cun cento de pescadores vestidos de Rambo e armados ata os dentes. Os mellores pescantíns xa se rendiron. Non paga a pena pasar horas ulindo o cheiro dun río incapaz de producir vida, coas pedras enzoufadas de baba e sen que nin por casualidade apareza un gardarríos.
Coidar os ríos é non emporcallalos, poñer depuradoras que funcionen, coidar os cauces retirando árbores mortas, limpar a maleza para que entre a vida do sol, vixiar ós desaprensivos, deixar de cementar noxentos paseos fluviais… Tan difícil é o sentidiño común? Para chorar. Porque hai moi poucas vacas que mexan en Galicia. Porque os regatos xa non ferven coas troitas.
Nota do autor da web: exactamente esta opinión a comparto ó cento por cento. Agradecer a José Antonio Pinto Antón, a quen non teño o honor de coñecer, a súa visión real e actual, exactamente os ríos son eso..
Supoño que lle gustará ver o seu texto, nesta páxina web en defensa dos ríos, sacado do Progreso de Lugo con data 19/08/2010. Ver este link.