CHOVEU POLA NOITE PERO EN CASTRORRODICIO O RÍO CAMBÁS ESTÁ SECO


( Art. aparecido no periódico galego semanal A NOSA TERRA o 12 de agosto. Firman o artigo P. Bertantiños é M. Vixande. O que sigue é unha reprodución o pé da letra .)

Portada da Nosa Terra do día 12 de agosto de 1999.

Portada do periódico A Nosa Terra do día 12 de agosto de 1999.

Nos últimos dez anos no Mandeo, en Aranga. puxeron en funcionamento tres modernas minicentrais. Achegarse a unha delas abonda para facerse unha idea da política da Xunta a respeito da explotación hidroeléctrica dos ríos galegos. María Garcia, viciña de Aranga, gostaba da paisaxe do seu concello. Agora, cada ano, organiza unha excursión cos compañeiros da Facultade de Ciéncias Ambientais para ensinar in situ as desfeitas que provocan este tipo de obras.

Presa de Cambás en Aranga. Fotografía de Paula Bergantiños.

(O incumprimento do caudal ecolóxico provoca que o tramo entre a presa e a turbina estexa por veces praticamente seco. Na foto, a presa de Cambás en Aranga- Galicia.)

( Observar que o caudal ecolóxico é incríble).

O impacto ambiental dunha minicentral non é o mesmo que o que produce a construción dunha grande presa, pero é bastante acusado sobretodo cando non se controlan as suas repercusións e non se poñen en marcha medidas correctoras "Perxudican á dinámica fluvial, a fauna, a flora, a pesca e outras actividades socioeconómicas. Incluso poden cambiar o ecosistema do río", explica Maria Garcia.

Despois de despexar o ceo, na mañá do Venres 6 de agosto esta estudante de ciéncias ambientais e o seu grupo de compañeiros deciden achegarse até a minicentral do río Cambás, afluente do Mandeo. É unha das que se fan chamar de derivación, porque o aproveitamento hidroeléctrico non se fai a pé de presa. A auga canalízase por debaixo da terra desde o encoro até a boca dun tubo que descende máis de trescentos metros pola ladeira do monte, estreitándose a cada pouco. Ao chegar a turbina, situada a rentes do río, a auga xa ten acadado a presión suficiente para transformar a sua forza en electricidade.

Tubería de presión.

(Tubo que canaliza a auga desde a presa até a turbina, fóra do cauce natural.)

Deste xeito o río recupera o seu caudal orixinário onde a turbina deita a auga, no Barreiro. Pero, nesta época do ano, pésie a choiva caida durante a noite, o tramo que vai desde a presa até a turbina, Castrorrodicio, está prácticamente seco. "Antes había profundas escavadas na rocha pola erosión da auga, a xente bañábanse nelas. Ao pé do salto habia unha fervenza, que vertía auga nunha poza, na que segundo contas as lendas do lugar había unha roda de ouro. O que se tiraba por ela non podía volver. Agora no verán a auga está choca", conta a moza.

Desde a boca do tubo é doado seguir o camiño até a presa. En máis dun punto hai que saltar por riba das pedras que se desprenden da rocha barrenada e, ao carón das volvoretas pousadas na herba e nas silvas, poden contarse as tapas de rexistro que dan conta da canle que deriva a auga e que neste tramo vai oculta. E abaixo, na mesma conca do río, seguen deitadas as pedras arrinconadas coa dinamita que abriu pista hai oito anos.

Desde o alto descóbrese a fraga que ainda engaiola a marxe direita do río. Amósase verde, pero os viciños de Aranga saben do aspecto prateado que, cuberta de liquens, luce no inverno. A sorte non é a mesma na ladeira esquerda. A máis da paisaxe mancada polos barrenos, poucas mostras quedan de vexetación autóctona. Porque os incéndios, para esta comarca, tamén trouxeron o eucalipto. " Estes carballos - comenta Eloi, outro dos excursionistas - deberon soportar 34 incéndios, están completamente retorcidos da dor. Fixate nos cotenos".

"Aquí tamén temos mostras da repovoación forestal" aponta Maria Garcia ao ver tres carballos americanos recén prantados ao pé do salto. Volta a vista para a presa e de seguida engade, "este é o famoso caudal ecolóxico". Onde antes a auga caia en fervenza, agora remansa.

"A Administración obriga a respeitar o caudal ecolóxico mínimo para que non se produzan danos no ecosistema. Necesítanse informes prévios que teñan en conta a especificidade de cada río, pero non se fan de xeito riguroso "  engade. É algo que incluso me teñen recoñecido persoas que están facendo avaliación ambiental. No verán están represando e turbinan ainda que auga no chegue para garantir os mínimos. As obras hidraúlicas están en mans de enxeñeiros educados como o cabalo de Atila. Les os seus informes ambientais e dache a risa. Recollen sen rubor, por exemplo, que no incluen estudos de flora adxacente por considerarse irrelevante. En canto ao seu funcionamento, como van a controlalo se no organismo responsábel, Augas de Galiza, nen sequer me souberon dicer o número de minicentrais que existen no país ?".

Do outro lado do muro do río, con menos auga represada que no inverno, asina as suas beiras coa flora "afogada". Os restos das árbores asoman desde a terra enlamada. Doutros xa só queda a cepa. " Cheira mal, a podre", aponta alguén. Desde o alto outra pregunta : " como poden superar as especies migratórias este saltos ?.

pren113.jpg (13238 bytes)

(A flora a pé de presa afoga.)

En perigo, a poza do muiño.

"Tamén fixeron un proxecto para ubicar unha minicentral no nó Cambás co Mandeo", explica Maria Garcia. A Poza do Muiño, que asi se chama o lugar, é un dos mellores tramos para bañarse e ainda conserva os restos dun antigo represamento para o regadio. Pero á hora do xantar a auga chega revolta. " Deberon de turbinar na Castellana", di unha moza, para engadir "tenme cadrado estar bañándome cando poñen a funcionar a turbina e a agua baixa chea de lama. Se é unha zona ancha dache tempo a sair do río, pero non foi o caso dos dous rapaces que morreron na Castellana".

O Mandeo estaria recoñecido como un dos mellores ríos para facer barranquismo, senón fora polas minicentrais. Hai cotos, e os pescadores recoñecen terse asustado polas subas repentinas do caudal. O responsábel da minicentral da Castellana mantén que a suba non é superior a 30 centímetros e que até 45 minutos ou unha hora a turbina non funciona ao 100 por cen. No caso das minicentrais non existe apertura de comportas, pero os problemas poden aparecer nas zonas máis estreitas e encañonadas. " Hai carteis que indican " Atención subas repentinas de caudal ", pero non sabes cando se van a producir - di Maria Garcia. Se existen cartos para facer as obras tamén tería que habelos para pór sinais acústicas e luminosas como marca a lei. Senón que proiban directamente o baño, a realización de deportes fluviais e a pesca ".

P. Bergantiños - M. Vixande.


Nota do autor da www : ata aquí este artigo que non ten ningún despedicio y que comparto plenamente.

As minicentrais son unha desfeita dos ríos.

Para A Xunta, os ríos únicamente son productores de electricidade e así nos luce o pelo.

                salir.jpg (922 bytes) Salir.