Comentarios sobre la pesca en Galicia en el año 2006

"O incerto futuro da pesca"

Miguel Piñeiro.

(O webmaster da páxina www considera que este artículo reflexa ó 100% o que pensa sobre a pesca da troita en Galicia  a trece de marzo do 2006. E máis,  fai oito anos que ven reividicando, curiosamente, esos puntos.)

O INCERTO FUTURO DA PESCA

Por Miguel Piñeiro. Xornalista e escritor.

 

A significación da pesca continental en Galicia está moi lonxe do coñecemento medio dos galegos e da percepción colectiva xeral. Somos case cen mil pescadores e entre tres millóns de galegos pasamos por ser unha simple e insignificante porcentaxe. Pero ó estarmos á beira dun río contribuímos ó coidado do noso patrimonio natural, estamos adquirindo benestar e axudamos á conservación do medio ambiente.

Lamentablemente, o pescador, en ocasións, convértese en obxectivo de medidas que deben afectar ó sector en xeral e non á cana en particular polo que, ó meu humilde entender, a licencia de pesca, máis ca un carnet de identidade, corre o risco de se converter nunha ficha policial.

Di o admirado Doutor Moralejo, que se sabe de quen pesca con cana e sen licencia, pero non se sabe de ninguén que pesque con licencia e sen cana. E postos a citar, debemos ter presentes as máximas irrefutables do mestre Rafael del Pozo “un río con salmónidos é sinónimo de calidade de vida” e de Emilio Fernández Román “pescar é un exercicio de liberdade”. Pescar é unha “arelanza saudosa” como dicía o Patriarca das Letras Galegas, Otero Pedrayo. Hexemoniza tres fascinantes virtudes: sabedoría, xusticia e temperanza.

Feitas estas observaciones a modo introductorio, repararemos en varios considerandos sobre a campaña de pesca deste ano.

Ante o ruxe-ruxe dunha normativa hiper-restrictiva, diversos colectivos de pescadores manifestaron a súa desilusión polo que se debe entender como un abandono das responsabilidades da administración anterior.

Todo viña indicando o declive das poboacións de salmónidos en Galicia pero non se tomaban medidas ó respecto. Deixábanse pescar 15 troitas por cana/día cando as cifras oficiais de capturas reflectían unha troita por pescador/día. Evidentemente ninguén quería ver ós pescadores unidos por unha causa común.

Os mesmos técnicos que aconsellaban á anterior administración acadaron, na normativa deste ano, introducir senlleiras novidades en contra de moitos pareceres. O colectivo é moi sufrido… ninguén quere da-la cara nin meterse en “abanderamentos” que non van ser recoñecidos.

Debemos preguntarnos ¿Qué fixeron os técnicos e biólogos da administración na última década cando asistían impasibles a que non se lles tiña en conta? ¿Fixeron público e patente o seu desacordo coa normativa nos últimos anos? ¿Qué medidas de presión utilizou a Federación Galega de Pesca?...

Asistimos de súpeto a unha normativa con notorios recortes na pretensión de pesca como se o mal endémico dos ríos galegos fosen os pescadores, esquecendo que –como afirmou o Conselleiro días atrás – Galicia incumpre a legalidade en materia de augas residuais que van directamente ó río sen pasar por un proceso lóxico de depuración.

Un, particularmente está de acordo cos recortes se estes van encamiñados a asegura-lo futuro da actividade. Pero se os pescadores, por lei, debemos ceder na presión de pesca, tamén estamos no noso dereito de esixir que se controlen os caudais ecolóxicos; que se intensifique a vixilancia nas desembocaduras dos ríos onde as redes dos furtivos e outro tipo de artes non exclúen a reos e salmóns; que se estudie o impacto negativo nas poboacións de salmónidos por parte de especies altamente predadoras; que se faga o propio coa hiperpoblación e colonización do cormorán e visón americano; e, o máis importante, que se intensifique o labor de vixilancia das garderías nos ríos.

Para os que pescamos sen pensar só en levar peixe para casa, se nos deben habilitar máis tramos sen morte e neste senso tampouco non se fixo nada novo.

As teses da administración, a veces, non se corresponden coa realidade. Cometéronse erros clamorosos, a estas alturas, prácticamente insalvables, aínda que unha tenue luz atisbe o final do expolio hidroeléctrico. A Vázquez, neste aspecto, non lle trema a man e o plante no Parlamento Galego penso que é celebrado por unha ampla maioría dos pescadores.

Pero a estas medidas débense sumar ás relacionadas anteriormente. Se os xoves son inhábiles para o pescador tamén o debe ser para o furtivo polo que se debe intensifica-la vixilancia.

Suprimi-la pesca nos encoros durante a veda tampouco parece unha medida afortunada por que a presión da cana é mínima nestes lugares por teren grandes masas de auga.

En canto ó tema das tallas, o asunto aquí é máis complicado. Razón terán os informes que aconsellan diferentes medidas en función dos lugares onde se pesque, pero ollo con pescar unha troita de 17 cm nun lugar e seguir andando a outra zona onde a medida é de 21 cm…

O pescador percibe que a normativa estase complicando en demasía: ¡24 folios de DOGA!…

E sen querer abondar na defensa da pesca e do pescador, que exerzo ata as últimas consecuencias, deixo caer unha serie de medidas que desde hai anos se veñen propoñendo sen encontrar amparo na Administración e nos biólogos e técnicos da mesma:

 

1.- Posta en funcionamento das depuradoras que non están operativas ou que non traballan correctamente .

2.- Plans parciais por concas para garanti-la pureza das augas e actuar, nos casos que sexa necesario, con sancións administrativas o penais que cheguen a ser efectivas.

3.- Creación de liñas de  axudas para a instalación de medidas infraestructuráis correctoras (sumidoiros, depuradoras, etc.) para concellos, empresas e particulares.

4.- Control e persecución de verquidos e puríns. Ofrecer formación, información e alternativas ós agricultores.

5.- Estudio e análise por un organismo independente da calidade das augas nos ríos galegos con actuacións inmediatas e directas nos casos nos que proceda.

6.- Creación dun comité de seguimento que vele polo cumprimento da normativa dos caudais ecolóxicos.

7.- Solución definitiva ós problemas da Gardería de Medio Ambiente. Non pode ser que, ano tras ano, no verán e coa aparición dos primeiros incendios, os ríos queden sen vixilancia.

8.- Volta á figura do “Gardarríos”, fundamental para a eficacia na vixilancia.

9.- Creación de unidades de vixilancia nas entradas das rías.

10.- Vixilancia permanente nas zonas de freza, capturadeiros de peixes, etc.

11.- Fomento de canles de alevinaxe con substratos artificiais que posibiliten a alimentación natural.

12.- Posta en funcionamento coa conseguinte dotación presupostaria das canles de alevinaxe e outras infraestructuras que requeriron grandes investimentos e que non funcionan por deterioro, abandono ou neglixencia.

13.- Débese fixar un criterio para as repoboacións. Debemos repoboar sempre nos casos que sexa necesario e co criterio de facelo para que críen, non para que se pesquen.

14.- Creación de novos coutos ou zonas de pesca sen morte. Os tramos sen morte poderían variar anualmente, o que teóricamente tería o mesmo efecto que unha veda.

15.- Atender ó Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con respecto á sinalización acústica e luminosa nas zonas afectadas polas soltas das presas.

16.- Solución ó negativo impacto ambiental nas poboacións de salmónidos por parte de especies altamente predadoras como cormoráns e visóns americanos.

 

Estamos ante unha nova campaña de pesca. A raíz do problema é que a solución non pasa por recortar dereitos de pesca. Vaiamos polo fundamental: á pureza da auga. Se os ríos están limpos, hai troitas. Nun curso ateigado de podremia non valen tallas nin cupos porque non hai troitas e as poucas que poidan quedar, morrerán inevitablemente.

Nos próximos anos, en tempos de reaxustes e ante un novo concepto da xestión da pesca, as partes implicadas deben camiñar da man e buscar solucións para entenderse. Defendámo-la pureza das augas dos nosos ríos primeiramente, logo xa teremos tempo de entrar nas postulados particulares de cada técnica ou das diferentes modalidades de pesca.

Todo, polo ben dunha actividade que non pasa polo seu mellor momento.

Feliz temporada de pesca.

    

                         Volver