Caldas de Reis  (Pontevedra)

        14/12/2018

COMUNICADO DA COORDINADORA ANTI-ENCORO DO UMIA

 

A Coordinadora considera que as declaracións do profesor da USC Fernando Cobo na entrevista publicada no xornal Faro de Vigo  sobre o mal estado da auga do Umia e a súa perigosidade veñen a ratificar as súas denuncias sobre as mentiras da Xunta cando asegura que a saúde das persoas non corre perigo polo consumo da auga do encoro.

 

Asimesmo tamén veñen a acreditar ditas declaracións que non hai máis solución para a erradicación da cianobacteria que deixar que a auga do río circule libremente, o que non resulta posible namentras exista esa barreira artificial que representa o encoro.

 

Desde o ano 1999 a Coordinadora, asesorada por científicos de prestixio de diversas Universidades e centros de investigación (Univ.Santiago, Coruña, Vigo, Zaragoza, Granada, CSIC, COAGRET … etc.)  ten denunciado o cúmulo de irregularidades de todo tipo desde a publicación do anteproxecto do encoro, advertindo do que ía a suceder.

 

Para a Coordinadora a recuperación do río e o dereito a dispor de auga salubre non pasa por remendos de ampliacións da depuradora ou similares. A recuperación do río pasa polo desmantelamento do encoro e a iso están encamiñados todos os seus esforzos.

 

Informan que o vindeiro día 22 finaliza o prazo para que a Xunta de Galicia lles facilite o informe preceptivo que se recolle no condicionado da Declaración de Impacto Ambiental de 1996, que debe de elaborarse en supostos excepcionais como a aparición da cianobacteria e darlle traslado ó órgano ambiental para a adopción de medidas.

 

A solicitude deste informe fíxose ó amparo da Lei 27/2006, de 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, que incorpora as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE, así como do disposto no artigo 26 da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de Transparencia e Bo Goberno e a non entrega do mesmo suporía a vulneración de dúas normas de soporte comunitario, polo que esixirían a depuración das responsabilides a que houbera lugar nas instancias correspondentes.

 

 

Caldas de Reis 14/12/18

                     

 

 

Coordinadora Antiencoro do Umia

 

Enderezo postal: Rúa José Salgado N-4.2 – CP 36650 Caldas de Reis (Pontevedra)

Tlfnos. 630830815  - rioumia@hotmail.com

/elenavaz/index.htm

 

 

 

Saír.