COMUNICADO DA COORDINADORA ANTI-ENCORO DE CALDAS DE REIS, CUNTIS E MORAÑA

 

 

A Coordinadora informa que o gabinete da presidencia da Xunta comunicoulles vía telefónica a negativa á petición de reunión co Presidente e o ofrecemento de manter dita reunión coa Conselleira de Medio Ambiente, alegando motivos de axenda.

 

A Coordinadora lamenta profundamente que a situación na que se atopa o rio Umia non mereza para o presidente da Xunta nin unha soa hora do seu tempo.

 

Este desprezo amosa a falta de sensibilidade e compromiso do goberno galego coa preservación dos recursos naturais, dos que alardean dentro e fóra da nosa terra, gastando, por certo, inxentes cantidades de cartos en promocionalos, e, o que é máis grave, coa saúde pública, xa que é sabido que un río contaminado supón enfermidades e un río sano supón saúde para as persoas.

 

Sería pertinente preguntar a Alberto Núñez Feijoo se ten prezo a Praia das  Catedrais, ou As Illas Cíes, ou tantos e tantos tesouros naturais que temos en Galicia, e, se teñen prezo, cánto custarían.

 

Sería pertinente porque foi o que se fixo en 1996 co río Umia: véndelo á explotación hidroeléctrica.  Pero o prezo non o pagan as eléctricas.  O prezo pagámolo os que tiñamos un río vivo e agora está agonizando, sen vida e coa auga podrida.

 

A negativa do Presidente a recibir á Coordinadora, dalles máis forzas para continuar coa loita que ten como única finalidade o desmantelamento do encoro e a recuperación integral do Umia, sen que sexa admisible ningunha outra medida que disfrace ou sirva de paliativo ó problema real que non é outro que o negocio hidroeléctrico.

 

 

Caldas de Reis, 6/11/18

 

 

 

Saír.