CREATIVIDADE COLECTIVA.

(Un artículo publicado pola Voz de Galicia do 24/02/2001 do que é autor Xosé Manuel Domínguez).

Dicían os latinos que a degradación do mellor é o peor. E, en certo xeito,nisto consiste o máis deplorable do Entroido actual: a súa relativa degradación, a progresiva perda do seu celme. Porque a maiores do que nos din os moitos e sabios antropólogos verbo do sentido de fondo deste tempo festivo, o entroido consiste, sobre todo, nunha festa comunitaria ( e abofé que se trata dunha das máis enxebres en Galicia).

  Pero que sexa festa comunitaria debera significar que todos participan nela, que o seu resultado final é froito do compromiso e esforzo de toda a comunidade. O entroido é así unha continua recreación anual: non hai un antroido igual a outro ( maila en que, por razóns comerciais, se pretende identificar ata a saciedade coas figuras das Pantallas, os Cigarróns ou Peliqueiros).

  O entroido constitue, máis ben, o reflexo dunha creatividade colectiva, a manifestación festiva de todo o pobo, unha sinal de vitalidade comunitaria.

   Pero as cousas andan a mirrar e estragarse. E isto é o que dá carraxe. O entroido depreciase e mérase cada ano porque van sendo máis os que "consumen" o Entroido cós que o crean, máis os que van ollar pasivamente que os que traballan por el creativamente. Medra cada ano os que se reducen todo á por un nariz de "Todo a cien" e unha perruca de todo a duascentas, a chimpar viño a manchea e a ollar como outros desfilan e actuan eles.

   Son estes os que andan a estragar a riqueza máis íntima do Entroido. Por suposto, que o propio pobo creador, decatándose desta marmalla de fitadores pasivos, produce mecanismos de corección. Así, en Xinzo as Pantallas perseguen con sabia teimosía a que ousa saír á rúa sen unha indumentaria digna, facéndolle pagar a súa pasividade na tasca máis prócima. Pero esto non evita que moitos, en troques de participar creativamente, se limiten a consumir o Entroido, igual que consumen a televisión.

  No fondo, aquí están presentes as dúas grandes posibilidades morais que ten toda persoa e comunidade: ser creativo, tomando as rédeas da propia historia, ou ser pasivos, larpadores de bens alleos. Só con persoas da primeira caste, arrichadas, que son quen de traballar de balse e entusiatamente, é posible esta festa.

   Só eles son que de coidar cada detalle da comparsa, de deseñasr a roupa, de preparar brincadeiras e espectáculo. Pero son os segundos, os que creen que toda festa debe sempre correr a cargo do erario público, os que van a que os divirtan, os que dan máis rabia e coraxe. E, aínda por riba, son os que o peor o pasan.