A
escritora inglesa C. Gasquoine Hartley a principios do século pasado
pasou varios meses en España "pescando co meu marido en varias
partes do país". Máis dun mes estuvo en Galicia. "De entre
os lugares que visitamos un dos que nos proporcionaron as mellores
experiencias e lembranzas foron o Miño e o sil".
No seu libro Spain Revisited. A
Summer Holiday in Galicia, publicado en London en 1911, e agora
traducido co título Un verán en Galicia. Confesa
Gasquoine Hartley: "Visitei moitos ríos en moitos países, pero
non lembro ningún que tivera un atractivo tan grande para mín como o
Miño".
En Tui atopan
o río cheo de homes con redes. "É bo momento para deterse a
describi-las posibilidades do pescador de cana en Galicia. Hai moitos
ríos bos para a práctica deste deporte en tódalas partes do reino,
especialmente nas provincias de Lugo e a Coruña, que posúen tódalas
calidades para a producción de fauna acuática. En Mondariz, na Toxa,
no Lérez preto de Pontevedra e en Ferrol tiven conversas con pescadores
que falaban moi ben da pesca nestes lugares. Un escocés en Ferrol
díxome que el pasaba tódalas súas horas de lecer pescando e tiña boa
sorte coas troitas asalmonadas nos ríos do contorno. O Miño e o Sil
teñen troitas grandes como as de calquera outro río de Europa. A pesca
é gratis, a non ser porque hai que pagar unha licencia que custo o
redor de tres xilíns. Non hai dúbida de que, cun cultivo axeitado,
Galicia pode transformarse no paraíso do pescador ó cabo duns anos.
Pero compre revisa-la Lei de pesca. Os ríos non se poboan e descoñecen
os viveiros de troita. Abundan os pescadores furtivos que utilizan
trampas, lanzas e, nalgúns lugares a mortífera dinamita. Tamén usan
as follas dunha planta que en Galicia coñecen co nome de trobisco para
pillar as troitas. Os labregos poden pescar grandes moreas delas só con
botar as follas nas pozas pouco fondas dos ríos. O seu efecto é
velenoso para os peixes, que soben á tona da auga e pódense capturar
con facilidade".
As
cousas cambiaron moito, pero Galicia segue sen ser o paraíso do
pescador. Quen queira consumir troitas de río ten que dispoñer de
cartos e recomendación para comelas de contrabando. Hai un século
tódolos grandes ríos estaban inzados de troitas, hoxe están
esquilmados. Escribía Gasquoine Hartley que "o Ulla, o Tambre, o
Xallas e o Eume son todos ríos de pesca que se poden comparar cos
mellores ríos de Inglaterra, Escocia e Irlanda. Pódense atopar
salmóns en moitos ríos. Hai zamborcas, lampreas, barbos, bogas,
escalos -unha sorte de cruzamento entre un alburo e un peixe cacho- e
outros peixes menos finos. Nalgúns ríos tamén hai abundantes
anguías, aínda que afortunamente os mellores lugares para a troita
están libres delas. O barbo é distinto do de Inglaterra, ó ser un
peixe fermoso e máis fino. A fermosa zamborca prateada péscase con
redes que teñen a abertura cuberta cunha póla verde que parece unha
alga e así engana os peixes que pasan por alí. A zamborca non pica con
ningún engado, pesa entre dous e seis quilos e é un peixe de sabor
excelente, parecido o salmón". A zamborca, alosa ou saboga en
castelán, Alosa Fallax de nome científico, é moi parecida ó sábalo.
Daquela chegaban a Ribas do Sil, agora non pasan do encoro de Frieira.
Tamén entraba na parte baixa do Umia e no Ulla ata Ximonde. Xa non hai
noticia de que collan zamborcas nas pesqueiras do Miño.
-------------------------------------------------------------------------
Ver
a reseña e o meu resumen deste fabuloso libro. "Un verán en
Galicia" |