OS TRES CARNAVAIS DO MUNDO

Un artigo sensacional que aparece no diario La Región o 23 de febreiro de 2007.

Escribe Afonso Vázquez-Monxardín.

   Ver o texto

    Volver.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Os tres carnavais do mundo

 

    Poñéndonos exquisitos, incluso podemos facer unha distinción entre Entroido -Antroido en Ourense antes da normativa- e Carnaval.  A primeira palabra, relacionada coa introdución á coresma, é unha celebración rural común a toda a Europa occidental como momento do inverno vencido, festa de calloubada e troupeleo, desde os comenzos do cristianismo. A outra, Carnaval vén do italiano cun significado aproximado ao de "levar a carne". Festa palaciana importada nos tempos do capitán Alatriste, sería nobiliaria, imaxinativa, esteticista e elevada...

Carnaval de Venecia. Cartel e fotografías.

     Eu creo que no mundo hai tres carnavais verdadeiramente orixinais e os demais son copias. A saber: Venecia, máscaras hieráticas, pálidas, vestidos vaporosos, movementos lentos, disfraces elitistas, debedores da tradición estilística, estética e escenográfica da cidade...Moita máis xente mirando que disfrazada...

Carnaval de Brasil. Cartel e fotografías.

      Despois está Río de Xaneiro, moito desfase, chunda, chunda, sensualidade desbordada, urxencia de movemento acelerado, popularismo, organización, turismo... sambódromo...un circuito para mirar!...

Entroido de Ourense, moitos lugares  onde ir.

     E, como terceiro carnaval do mundo, por suposto Ourense.

   Aquí, lograríase a fusión dos elementos máis permanentes dos entroidos rurais próximos -Laza, Xinzo, Verín, Manzaneda, Vilariño de Conso, Maceda, Viana, Bande, sobre todo da gastronomía, cocido, rei carnal, as orellas de postre- coa popularización máxima do carnaval da imaxinación desbordada. Ourense cidade, punto de encontro das vilas entroidescas, é, certamente, a capital do carnaval.

 Algúns dos carteis de entroido da nosa provincia no 2007. Variedade a tope...Falta o de Manzaneda que xunto có de Vilariño de Conso son tamén únicos.

      Sen esaxerar, estamos ante un dos festexos máis populares do mundo. ¿Alguén sabe dalgún lugar onde se disfrace máis xente por habitante cuadrado? ¿Alguén sabe dalgún lugar onde se dea unha festa do volume da destes días pasados nun clima tal de cordialidade básica e harmonía perfecta? ¿Pelexas, agresións, encordios? Nada de nada. E non será porque non se bebese... Pero é que somos xente que se quere se sabe divertir ¿Orgullo de ourensán? Sí. Os nenos que xogaban nas escolas aos xoves de comadres e compadres, agora toman o relevo na rúa... Disfraces imaxinativos, preparados con tempo, nos últimos días, nas últimas horas, ou no último momento antes de botarse a rúa. Este ano, nesa boa idea municipal de pór escenarios na Praza do Correxedor e por outras rúas próximas, onde se podían subir as mascaritas a facer o indio, había de todo: disfraces de bolardos, preservativos, lacasitos, cochos, camillas, ambulancias, raiñas, elefantes, tipos duchándose, xoaniñas, dominós, indios...¿De todo? Non. Faltaban os políticos. Había poucos, case ningún. Nin Aznar, nin Zapatero nin Quintana...Nada de nada ¿Por que? Creo que porque cando un se disfraza quere divertirse facendo sanamente o ridículo máis que os personaxes dos que vai disfrazado....E iso, este ano, estaba difícil, ben difícil. Por iso, seguramente, no entroido, non os quixemos ver nin en broma. Velaí unha mostra máis da saúde e vitalidade do Entroido. Crispados estarán eles. Nós, de resaca. E Chega.

 

Nota: as fotografías, os carteis, e os seus comentarios,  son un engadido do webmaster (Secundino Lorenzo)  ó sensacional texto de Afonso Vázquez-Monxardín .

 

Volver ó Carnaval.