O entroido é unha reserva de
simbolismo.
Emilio Araúxo Iglesias


Unha entrevista ó escritor
Emilio Araúxo Iglesias, acerca
do entroido na provincia de Ourense. Copiado do
Especial entroido de O Sil.
Febreiro 2014.
Texto: Ángeles
Rodríguez.

Ver o
texto
Quen é Emilio Araúxo?
Volver.
O entroido é unha reserva de
simbolismo
Emilio Araúxo Iglesias

(Escribe Ángeles Rodríguez. O Sil. Febreiro 2014)
(Fotografía Carlos G. Hervella.)
A xestualidade dos felos, as danzas dos boteiros, a teatralidade que
rodea ao Rei de Covelo... Para o escritor Emilio Araúxo (Coles 1946)
o Entroido tradicional ourensán emerxe como un oasis nunha época "na
que se vive unha gran pobreza simbólica". Cre que é unha "grande
herdanza" pero co matiz de que se trata dunha "memoria
progresiva e de espera, de acollida de porvir". Malia que coñecía
esta festa dende neno, comprendeu o seu valor dende moi lonxe da súa
terra. Foi mentras se formaba en París. Alí descubría o libro
"A cultura popular na Ideade Media e no Renacemento" de Mijail
Bajtin. . Nela o autor ruso señala a existencia dunha antigua
cultura popular, marcada pola comicidade, que perviviu ata hoxe a
través das festas e rituais carnavalescos, con rasgos singulares
como o teatro e o xogo. Isto espertou en Arauxo o interese por
explorar o Entroido e, a o seu retorno a Galicia, foi mergullándose
nesta festa e, a través dela, comenzou a revivir o mundo da cultura
popular. A viaxe deste poeta, etnólogo, tradutor, editor e tamén
fotógrafo polas manisfestacións carnavalescas ourensás comezaba a
principio dos anos 80. Sen embargo, non foi ata 1987 cando comenzou
a traballar no seu arquivo fotográfico. Destaca que o Entroido é
unha celebración "profundamente igualitaria" e que, "dende o momento
no que crea memoria, crea tempo e en épocas de desamparo, como é
desgraciadamente a nosa, o Entroido dá ánimo e é unha maneira de
resistir". E entre as referencias que Bajtin dá sobre a importncia
do Entroido, Araúxo resalta a de que "é un marco de lectura esencial
para todo o que é a arte en xeral, tanto literaria como pictórica ou
musical. Por exemplo Shakespeare ou Cervantes serían incomprensibles
si non se lle aplica este marco de lectura carnavalesco".
A súa aproximación
a esta festa non se limita ás datas centrais, "teño unha relación de
convivencia máis extensa, máis ampla con esas aldeas, ao mellor
noutras épocas do ano viaxo alá e non só as visito, senón que en
ocasións resido alí durante tempadas. Entón hai un traballo de campo
que desborda o que é meramente o calendario carnavalesco". Confesa
que foi Xoaquín Lorenzo que lle descubriu o Carnaval de Vilariño de
Conso, que "para el era o exemplo máis nidio en Galicia de ritual de
festa carnavalesca. Díxome de viva voz que era un Entroido onde o
ritualismo está moi presente, ata tal punto que ás veces para unha
persoa allea é indescernible situalo do lado do profano ou do
sagrado". Tamén fala da súa admiración polo Entroido de Covelo
(Melón) di "que me engaiola tanto como a lectura ou a relectura do
capítulo O gran teatro de Oklahoma da novela "Ámérica" de
Franz Kafka".
Araúxo
tense convertido asemade en embaixador do Entroido ourensán ante
escritores, poetas e investigadores internacionais, que se desprazan
á provincia para vivilo. Froito destas experiencias foron agromando
unha serie de libriños, que ven a luz na editorial Amastra-n-gallar,
do propio Araúxo. Non están a venda, senón que se converten cada ano
en agasallo para "saudar" ás persoas que co seu esforzo
manteñen viva a chama carnavalesca. Neste ano ten previsto publicar
media ducia. Entre eles, o de "Felos" da escritora francesa Nicole
Caligaris, "un libriño moi breve, pero moi elaborado e moi cheo de
maxia e de encanto a través dun personaxe máis ou menos mítico ou
ficticio que se chama o xeneral Instinc", adianta o editor.
Tamén sairán do prelo "Felos ao galope" e "Xestos pramaverais", da
escritora franco-galega Cécile Guivarch, e "Discurso" de Luz Benazet.
Ademais, Araúxo ten pendente pendente de publicar un libro seu sobre
o entroido de Laza no que conta con colaboracións como a do
antropólogo Jean Dominiq-Lajoux que vencella esta festa coas
lupercais romanas. En apenas uns días, este escritor e fotógrafo
ourensán regresará a cerna do Entroido. Coas súas cámaras penduradas
e a súa libretiña de notas, percorrerá de novo a montaña para, dende
o seu profundo coñecemento, pero tamén dende a súa sensibilidade e
xenerosidade, deixarse envolver polo simbolismo desta celebración.

O escritor e editor
Emilio Araúxo, nunha das súas visitas ao
Entroido da provincia.
¿Como
nace o seu interese polo entroido?
Xurde
dunha forma totalmente casual a través dun mestre meu e filósofo
francés, Françoise Regnault, que é especialista no tema de teatro e
está moi relacionado coa psicoanálise. Escribiu un libro "A familia
das ortigas", no que me revelou a Mijail Bajtin.
Nese texto Regnault sinala que
a obra teatral do gran novelista francés Jean Genet debe ser
interpretada dunha forma profunda e serao cando se adopte esta
especie de marco de lectura que é a teoría bajtiniana da cultura
popular, que ten como núcleo esencial a "cosmovisión carnavalesca".
Este é o detonante do meu interese. Foi como si dixesemos unha
especie de transferencia de lectura, é dicir, que a autoridade dese
gran mestre que é Regnault expertou en mín o desexo de explorar ese
ámbito. Despois, cando retornei a Galicia, empecei a revivir todo o
que é o mundo da cultura popular. Entón vin a correlación formidable
e bendita entre, por unha banda a teoría de Regnault e de Bajtin, e
o que eu tiña aquí diante de min como unha gran herdanza simbólica.
É unha
herdanza que redescubría lonxe de Galicia e a través de autores
estanxeiros.
Si, para
chegar a isto tiven que pasar por mestres, por libros...É
curiosísimo, isto é unha lei que nos vén da filosofía e da poesía
alemá, que di que ás veces ao máis próximo chégase polo máis lonxano.
Eu para descubrir precisamente o que tiña aquí diante dos ollos e
que dende pequeniño levaba vendo a cotío, pois tuven que pasar por
Francia, por un filósofo francés e logo por un autor ruso. É
asombroso, pero é así.
Tamén é certo que un
descubrimento dende fóra permite obter unha mellor análise de
conxunto...
Si, non cabe
dúbida de que fai falta esa distancia, pero non é unha distancia
meramente topolóxica, espacial, senón é unha distancia que supón un
traballo de lectura. Entón, cando eu falo tamén de herdanza é nese
sentido, un traballo de lectura, de reflexión. A noción de herdanza
eu refíroa a outro mestre, Jacques Derrida.
¿Cal é a
importancia que ten para vostede o Entroido nun mundo como o actual?
Se
quixeramos dar un diagnóstico do noso tempo, un dos inmediatos sería
o de que é unha época na que se vive nunha grande pobreza simbólica,
nunha desimbolización. E xustamente o que atopamos no Entroido
é unha especie de reserva do simbolismo, que se vai convertir nunha
herdanza, nunha memoria. Pero non nunha memoria meramente nostálxica,
senón progresiva, máis de futuro, de porvir. Nunha memoria que,
dalgún modo, sen anticipar case anticipa, ou polo menos está nunha
situación de acollida do porvir. Alain Badiou (filósofo,
dramaturgo e novelista francés) di de forma rotunda, e para min moi
clara, que cando perdemos a dimensión simbólica, dalgunha
maneira, o corpo das persoas se converte nunha especie de residuo.
Eu diría que un dos elementos que hai que pór en valor do Entroido é
esta forma que ten de resimbolizar e que é un deserto de símbolo e
de tempo, por que a nosa tamén é unha época dun tempo sen tempo. E o
Entroido, con todo o que implica de marca, de inscrición, de
novidade, pois tamén é creador de tempo.
Mircea Eliade
falaba dese tempo festivo no libro "O mito do eterno retorno"...
Si, pero aquí
cómpre matizar esta cuestión porque hai toda unha serie de polémicas
ao redor do Entroido sobre se é unha pura repetición codificada sen
maior alcance ou se ten unha virtualidade subversiva e algunha
positividade dinámica. Nese senso, dende a miña experiencia persoal,
eu vin que o Entroido vai máis alá dunha repetición codificada,
ríxida e medio morta. Con certa frecuencia roza o que podríamos
chamar a dimensión artística. Teño asistido en diferentes Entroidos
a manifestación de arte, por exemplo a través da danza. Pense no
folión de Mormentelos (Vilariño de Conso). Eu diría que nel hai arte
vencellado á danza. E no rexistro artístico están as comidas
carnavalescas que por fortuna aínda existen nalgunhas aldeas galegas,
por exemplo, en Palleirós (Manzaneda) ou os xantares que xa
esmoreceron, pero que tiveron grande vigor en Vilaverde, no Ribeiro,
e que animaba un gran home que era Dionisio Amaro. Neles tamén houbo
momentos de grande emoción, que as veces se achegaban ao que é un
efecto de arte. Entón se hai efecto artístico, hai tamén de algún
modo creación ou doazón de verdade e isto pon en dúbida a crenza de
que o Entroido se reduce a unha especie de puro escenario codificado
e sen maior horizonte.
"O
meu contacto coa festa non se limita ao
calendario carnavalesco, noutras épocas do
ano viaxo a esas zonas e mesmo resido alí"
¿En que medida
son singulares no marco europeo as manifestacións carnavalescas que
se conservan na provincia de Ourense?.
En cada
lugar cada Entroido está revestido dunha singularidade sorprendente.
Cando comparto con amigos estranxeiros, por exemplo con poetas
chineses, imaxes do noso Entroido quedan completamente conmovidos e
abraiados. O ano pasado fixen en Marsella (Francia) unha
exposición e vin como a máscara dun felo espertaba unha especie de
sorpresa absoluta. Deste xeito, podo decirlle como poetas amigos
meus que viñeron de Francia viron, no que o fin e o cabo é soio unha
provincia, unha singularidade irrepetible, asombrosa, tremendamente
innovadora e chea de promesas e de creatividade. James Sacré, que
para min é un dos grandes poetas que hai hoxe do mundo rural, estivo
toda unha noite sin dormir e como nunha especie de éxtase nun
corredor dunha casa de Viana do Bolo, contemplando unha escea chea
de poesía, de engado e de feitizo. Consistía nun tipo de xogo que un
grupo de xente nova facía cos bombos, pero que era todo un
mundo riquísimo de xestualidade de retórica corporal, un conxunto de
sons, de xestos. Eran alegorías, unha especie poema vivo en carne e
oso con axuda de bombos.. Á mañá seguinte, cando eu pensaba que tiña
que desculparme diante del polo ruído que non o deixou durmir, Sacré
amosábase agradecidísimo porque nunca antes asistira na súa vida a
unha escea nocturna tan conmovedora, tan absoluta e tan creativa. No
caso do Entroido de Laza, un escritor como é Martín Melkonian, tamén
francés, deume unha fermosa fórmula: "o peliqueiro é un anxo que
pesa". Ademais sobre o felo de Maceda díxome que "finalmente é un
xeneral da paz". Sobre esta máscara tamén incidiu Sacré, falando da
súa polivalencia, polo seu conxunto de simbolismos, de valores e
tamén de riqueza xestual extraordinaria. Moitos dos poetas que
veñen aquí convidados por mín tamén destacan do Entroido que nel hai
unha especie de comunarismo, de prodigalidade, digamos de réxime de
doazón. No Entroido de Maceda, por exemplo, nos barrios de cada
pequena aldea poñen fóra mesas cheas do mellor que poden ofrecer
para comer e para beber. E iso é gratuito, é un mundo de non
mercado. Atopar este tipo de illa ou de momentos de excepción nun
mundo como o noso da brutalidade capitalista resulta non só
conmovedor senón exemplar. Con respecto a isto, o poeta Pierre Le
Pillouër, que estivo aquí o ano pasado, resumiu en tres
características esenciais a sorpresa que lle produciu o entroido
galego:"nin mercado, nin policías, nin aplausos". E con isto estou
entrando no que tamén salienta Bajtin, entre outros autores, que é a
cuestión do utopismo, é dicir, no Entroido asistimos o que
poderíamos chamar a imaxen dun pobo reconciliado, a unha especie de
utopía ou de idea reguladora, se o queremos dicir en linguaxe
kantiana. A utopía na que ves que é posible como decía Uxio
Novoneyra, outra cousa. É posible outra Galicia, é posible outro
mundo. E a esa posibilidade chamoulle Bajtin a dimensión utópica da
cosmovisión carnavalesca. Parece esencial esa visión utópica, aínda
que son consciente plenamente de que é un termo que hai que
entrecomillar porque necesita ser revisado.
"Unha
vez que fun capturado polo mundo do Entroido,
sentín a obriga de ser unha especie de
pequena ponte para transmitilo"
"Esta celebración relanza a alegría do
cambio, da idea de renovación e isto, sobre
todo, a través da máscara que é a cerna do
Carnaval"
O
Entroido tamén crea lazo social...
É outro
elemento a ter en conta. Con iso afondamos na importancia do
Entroido da que falamos ao principio. Relanza a alegría do cambio,
da idea de renovación e isto, sobre todo, a través do tema da
máscara que é a cerna do Entroido. A este respecto eu editei un
libro dun psicoanalista francés, Jacky Bourillon, que asegura que a
"máscara é un veo que di que a vida existe, pero non por moito
tempo". É unha invitación ó goce, pero engade que a máscara "vela e
desvela", pero ¿que desvela?. Desvela a ausencia de cara, a esencia
de identidade do suxeto. Isto quere dicir que no Entroido vivimos
unha experiencia crucial, que é a de facerte consciente da división
interna da túa propia subxectividade.. E esa é unha vivencia social
crucial. Hai tamén unha idea preciosa que o poeta Claude Royet-Journoud
me propuxo a partir do Entroido do val de Maceda:"a máscara non
instaura unha distancia, senon outra proximidade" Nesta misma liña,
a poeta sueca Helena Eriksson, púxose dacordo conmigo no 2010 e
pediume vir aquí e vestirse de felo. Veu e fíxoo, e aguantou un día
enteiro por montes e vales na terra de Maceda e, despois desa
experiencia extraordinaria para ela e para todos nós escribiu a
petición miña o libro "Entre a outra proximidade".

¿En que
medida lle ten influído o coñecemento e a vivencia do Entroido
ourensán?
Unha vez que
fun capturado por este mundo, sentín a obriga de ser un pasador,
unha especie de pequena ponte para transmitilo. O Carnaval axudou a
crear en min a conciencia e o deber de transmitilo, de gardar a
memoria viva pola relación que ten a memoria co porvir. Iso
influíame ata o extremo de obligarme a editar sistematicamente
libros sobre o Carnaval, que, primeiro, non vendo, gardando así o
espíritu carnavalesco de non mercado; e, en segundo lugar, que
comparto coas máscaras e que procuro que sexan homenaxes a esos
Entroidos. Uso os libros para saudar ás xentes desas zonas e para
animalas e decirlles que o que fan é extraordinario e que paga a
pena que o sigan facendo.
Subir.
Quen é Emilio Araúxo Iglesias.

Emilio Araúxo Iglesias,
nado en Coles
(Ourense) en 1946.
É
escritor,
etnógrafo,
editor,
tradutor galego
e fotógrafo.
Tamén foi profesor de Filosofía en Secundaria.
Como editor foi o creador, xunto a Luís Martúl Tobío, de
Noiterega entre 1995 e 2005.
En 2001 fundou
unha nova editora,
Amastra-N-Gallar.
Últimamente fai libros sobre o Entroido, auténticas xoias,
para saudar e animar a xente a que siga co Entroido
tradicional...Xa me gustaría ler algún...
Actualmente
reside en
Lalín.
Obras-Poesía
Obras-Narrativa
Obras-Ensaio
- Sombra respirada dunha
reliquia (barquilleiros). Amastra-N-Gallar, 2012.
Como editor
Como tradutor
- Rapsodia polo teatro: breve
tratado filosófico, de Alain
Badiou. En colaboración con Luis Martul. (Sotelo
Blanco, 1994).
Fixo tamén a tradución en castelán: Rapsodia
por el teatro: (breve tratado filosófico) (Ed.
Ágora, 1993).
- Arredor da cuestión
nacional, de Alain
Badiou. En colaboración con Luis Martul. (Noitarenga, 1995).
- A ética: ensaio sobra a
conciencia do mal, de Alain
Badiou. En colaboración con Luis Martul. (Noitarenga, 1995).
- Mundo contemporáneo e
desexo de filosofía, de Alain
Badiou. En colaboración con Luis Martul. (Noitarenga, 1995).
- Espectador e actor, de François
Regnault. En colaboración con Luis Martul. (Noitarenga, 1995).
- ABNM: diálogo Alain Badiou-Natacha
Michel, de Natacha
Michel. En colaboración con Luis Martul. (Noitarenga, 1997).
-
Samuel Beckett, o incansable desexo, de Alain
Badiou. En colaboración con Luis Martul. (Noitarenga, 1997).
- Labrego coma (cinco veces),
de James Sacré (Noitarenga, 1999).
- As naturezas indivisibles,
de Claude
Royet-Journoud (Noitarenga, 2000).
- A poesía como condición da
filosofía, de Alain
Badiou (Amastra-N-Gallar, 2001).
- A idade dos poetas, de Alain
Badiou (Amastra-N-Gallar, 2002).
- Entón, de Florence
Pazzottu (Amastra-N-Gallar, 2003).
- Sobre o binario psicanálise-poesía,
de Joseph Attié (Amastra-N-Gallar, 2003).
Datos
de wikipedia.
Outros links.
Unha entrevista interesante. Diario El País.
Subir.
|