Dez millóns de carballos máis para Galicia.

Manuel Rivas. A Voz 1998.

 

A súa cor é verde e o seu signo é Piscis, dise de Galicia na vella astroloxía, como recordaba Rof Carballo no magnífico Mito e realidade da terra nai.

Hoxe, á hora de falar de ecoloxía tamén podemos utilizar esa dualidade. O que é mito e o que é real, a grande distancia entre o que se proclama e o que se practica por esta terra nai.

O verde é parte da identidade de Galicia. A nosa cor primaria. Na tradición popular, que recolle o folclore, hai a noción de ter herdado un verxél bíblico que non se sabe aproveitar. a mesma saiba agridoce corre na nosa mellor tradición culta, a da ilustración que representa a Xeración Nós. Castelao fala dunha Santísima Trinidade galega: a Vaca, o Peixe e a árbore. E apunta, con lúcido vangardismo, unha utopía realizable: " Galicia, ciudade-xardin". Unha nación cosmopolita e ecoloxista. Unha culta terra nai.

Nos Paises Baixos hai un dito que mostra unha grande intelixencia histórica: " Deus fixo o mundo, pero a Holanda fixémola os holandeses".

Semella que Galicia, en canto a natureza, ten moito que agradecer a Deus pero moi pouco aos que a gobernaron e gobernan. No eido do medio ambiente faise máis descarada a figura do gobernante demagogo. Dise en Shakespeare que é aquel que adula ao seu pobo que nunca o amou. Se por declaracións de amor fora, Galicia sería modelo ecolóxico para o mundo enteiro. Pero os gobernantes que adulan ao seu pobo con chupa-chupes de lacón, afirman despois que ese pobo non está preparado para repartir o lixo en tres cubos.

O verde é a cor identataria de Galicia. ¿ Cando terá tamén algo de verde a súa política?.

Por último, e aproveitando a ocasión, unha proposta cívica. Somos 2.800.000 galegos, máis ou menos.

Se cada un pranta un carballo ao ano, sáennos dez millóns de carballos en catro anos. Pois iso. ¡ Ei carballeira ! .

 

Volver